• Na súa toma de posesión como novo deán, José Fernández Lago, resalta a prioridade na atención aos peregrinos e a importancia da liturxia

Na súa toma de posesión como novo deán, José Fernández Lago, resalta a prioridade na atención aos peregrinos e a importancia da liturxia

O cóengo José Fernández Lago é desde hoxe o novo deán do Cabildo da Catedral de Santiago de Compostela. A toma de posesión de quen substitúe no cargo a Segundo Pérez López tivo lugar ao termo dunha Eucaristía que presidiu o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio. Na súa intervención na cerimonia de xuramento, o arcebispo felicitou “cordialmente” a José Fernández Lago e dixo que a transcendencia do acto ía “vai máis aló do que pode aparecer como un simple acto protocolario”. Monseñor Barrio asegurou que “a catedral debe mostrarse como “unha casa aberta, acolledora e testemuño” para os diocesanos e para os que nos visitan procedentes doutras igrexas particulares. A Igrexa local ha de percibir que a catedral é “unha casa habitada”. Casa aberta onde todos poidan entrar para rezar, para admirar ou simplemente para permanecer en silencio. Non é simplemente un feito de organización senón dunha eficaz evangelización”.

O arcebispo tivo tamén palabras de agradecemento para o deán saínte, Segundo Pérez López, “que deixou o seu sinal nos anos do seu Deanato”, e de homenaxe a todos os capitulares, eméritos ou falecidos. Lembrou ao Cabildo que agora é necesaria a súa “colaboración xenerosa e abnegada de maneira especial nestes momentos nos que a realización dos proxectos pastorais de nosa Iglesia Catedral, que non son poucos e si de gran alcance, requiren todos os esforzos e axudas que sempre serán poucos”.

Monseñor Barrio aludiu igualmente a que na Catedral, os fieis e peregrinos han de “atopar un sacerdote sempre presto para un diálogo espiritual, para a reconciliación, para escoitar ás persoas, para evangelizar, para dar razón da esperanza a quen perdeu o sentido de Deus”. E engadiu que “entrar na catedral debería constituír un encontro cos diversos aspectos da vitalidade da Igrexa particular, os seus proxectos de acción pastoral, as súas institucións, os seus movementos apostólicos. É a mellor forma de mostrar que a catedral é a Igrexa Nai da Igrexa que peregrina en Compostela”.

Importancia da liturxia

No sinxelo, pero solemne, acto de toma de posesión o arcebispo lembrou que a misión do Cabildo, tal e como se reflectía no Vaticano II, é ser “un colexio de sacerdotes que reciben como misión propia e específica celebrar as funcións litúrxicas solemnes na Igrexa Catedral”. Monseñor Barrio engadiu que “como non podía ser doutra forma o Cabildo está vinculado á misión santificadora da Iglesia, exercicio da función sacerdotal de Xesucristo: é dicir, tributar a Deus o culto público máis solemne coa máxima dignidade e perfección litúrxicas”.

“A Catedral está chamada a ser institución litúrxica modélica e debe ser paradigma de vida e pastoral litúrxica para toda a Igrexa diocesana”, engadiu o arcebispo. Monseñor Barrio indicou, ademais, que “para valorar na súa xusta medida o acto que estamos a celebrar, é preciso situalo e consideralo no horizonte eclesial dunha pastoral de ministerio e non de beneficio. É evidente o protagonismo da nosa Catedral na celebración do Ano Santo Compostelán e do que é e significa o feito da peregrinación xacobea. A Catedral é o centro xubilar por antonomasia o que equivale a dicir que aquí ha de ecoar a chamada á conversión e á esperanza, procurando que o abrazo do perdón e da misericordia chegue a todo aquel que o pida. Será necesario ter moi presentes os ensinos do Papa e as do bispo”.

Pola súa banda, o novo deán comentou que contaba “con todas as vosas oracións” para desempeñar a súa actual misión. Fernández Lago dixo que se consideraba “un entre iguais” e pediu aos seus compañeiros de Cabildo apoio e comprensión. “Espero non decepcionar”, dixo o novo deán. Fernández Lago sinalou que as funcións de deán e do Cabildo demandan agora, en pleno Ano Santo Xubilar Compostelán, unha prioridade na atención aos peregrinos, para facer posible que atopen preto da tumba do Apóstolo Santiago o que non se percibe “nos ambientes descristianizados”. Nese sentido, o novo deán apostou por poñer en marcha “medidas extraordinarias” para dar resposta a situacións extraordinarias como as provocadas pola pandemia do COVID19, a fin de resaltar a centralidade de Cristo e a dignidade da liturxia e a participación no culto. “Non é o mesmo presenciar unha Misa pola televisión” que poder “recibir o Corpo e Sangue de Cristo” nunha celebración eucarística presencial, dixo.

No acto desenvolvido na Catedral tamén tomou posesión como novo secretario do Cabildo compostelán, o cóengo Elisardo Temperán, chanceler da Curia Diocesana.