Esta mañá presentábase na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez de Santiago de Compostela a exposición A memoria do son, sobre instrumentos medievais. Trátase dunha mostra ideada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo que reúne diferentes réplicas de instrumentos musicais que se podían ver e escoitar na Galicia dos séculos XII e XIII. É una exposición con clara vontade divulgativa e didáctica, xa que permite interactuar cos instrumentos e escoitar os seus sons. Moitas destas pezas son réplicas das que se poden ver a día de hoxe esculpidas en pedra no propio Pazo de Xelmírez e no Pórtico da Gloria da Catedral.

Deste xeito, na Sala de Armas estarán expostas réplicas de zanfona, viola de brazo, (que segue o modelo das que portan sete dos vintecatro anciáns do pórtico), viola de perna e cítola (como as que se representan na Sala de Cerimonias do Pazo de Xelmírez), rota (semellante a do rei David da fachada exterior do Pórtico da Gloria), xiga (inspirada na que porta o rei David da fachada de Praterías) e  organistro.

O acto de presentación contou coa presenza de Efrén Castro, deputado de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica da Deputación de Lugo, e de Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago. Efrén Castro sinalou que “a inauguración da itinerancia en Compostela supón un gran impulso para a proxección e recoñecemento internacional da colección e do traballo realizado no obradoiro de instrumentos do Centrad desde a súa creación no 1951” e “trae as pezas ata súa orixe  xa que parte dos fondos instrumentais e documentais da mostrado  parten de investigacións desenvolvidas sobre a iconografía do pórtico da Gloria e sobre as esculturas do rei David que se conservan na propia catedral”. Pola súa parte, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, destacou a importancia de acoller esta exposición nos espazos de visita do Museo, xa que ven complementar todo o discurso museístico cunha vertente da arte tan vinculada á historia medieval da catedral como é a música.

A exposición permanecerá aberta no Pazo de Xelmírez ata o próximo 31 de agosto, e será visitable con calquera modalidade de visita do Museo Catedral de Santiago.

O catálogo da exposición, que está comisariada por Luciano Pérez, director da Colección visitable de Instrumentos Musicais do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, pódese consultar neste enlace: http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf

A Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centrad está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares, ademais de importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo destes anos relacionados coa materia. A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.