Ano Santo
Inicio | Ano Santo
Ano Xubilar Compostelán
Que é o Ano Santo?
O Ano Santo ou Ano Xubilar Compostelán é un tempo no que a Igrexa concede singulares grazas espirituais aos fieis, a imitación do que a Biblia di do ano xubilar dos israelitas: Cada 7 anos era Ano Sabático, nel recuperaba as terras quen as vendera por necesidade e os escravos adquirían a liberdade. Cada 50 anos era Ano Xubilar (Lv, 25).
Xesús di que El vén anunciar un ano de graza do Señor (Lc, 4,16).
A Igrexa Compostelá, co seu Ano Santo, concede tamén un especial ano de graza.
Cada 11, 6, 5 e 6 anos
Cando é Ano Santo?
O Ano Santo Compostelán celébrase cada vez que o 25 de xullo, festa do Apóstolo Santiago, cae en domingo.
Por este motivo non chega en anos fixos: pola maneira en que encaixan os días da semana e os anos bisestos, repítese con intervalos de 6, 5, 6 e 11 anos. O último Ano Santo celebrouse en 2021, prorrogado a 2022 pola pandemia. O próximo será en 2027, e despois virán os de 2032, 2038 e 2049.
O Ano Santo comeza a tarde do 31 de decembro do ano anterior, coa apertura da Porta Santa da Catedral, e dura todo o ano.
A súa orixe remóntase a 1122, co Papa Calixto II, e o Papa Alexandre III confirmouno para sempre na bula Regis aeterni de 1179.
A Sé de Pedro
Palabras dos Papas
A Sé de Pedro louvou reiteradamente ao longo dos séculos a peregrinación a Santiago e o Ano Santo.
“Nós exhortamos a todos os amadísimos fillos a seguir esa vía de fidelidade evanxélica, de autenticidade cristiá e de iluminada esperanza que, a través dos séculos, guiou a tantas almas ata o Templo Compostelán”.
Paulo VI · A. St 1971
“Comparto a alegría… polo tempo de graza e perdón que o Señor se digna conceder, unha vez máis, á querida comunidade de España e de toda a cristiandade… que o Xubileo sexa para todos ocasión de verdadeira reconciliación”.
Xoán Paulo II · A St 1982
“Convido os peregrinos a que fagan acopio das suxestivas experiencias de fe, caridade e fraternidade que atopen na súa andaina, a que vivan o Camiño sobre todo interiormente, deixándose interpelar pola chamada que o Señor lles fai a cada un deles. Así poderán dicir con ledicia e firmeza no Pórtico da Gloria: «Creo»”.
Bieito XVI · A St 2010
Himno oficial do Ano Santo 2027
Un campo cheo de estrelas
Música e letra de Carlos Martínez Movilla, coa voz de Noelia Álvarez. Dispoñible en galego e en castelán.
En galego
Un campo cheo de estrelas
En castelán
Un campo lleno de estrellas
Gañar o Xubileo
Para gañar o Xubileo requírese:
Visitar a Tumba do Apóstolo na Catedral e rezar algunha oración.
Xa sexa na catedral ou en calquera outro lugar, quince días antes ou despois.
Esta indulxencia é aplicable aos defuntos.
Nin a Graza do Xubileo nin a peregrinación están vinculadas, de seu, á Compostela. Pódese gañar o Xubileo viaxando por calquera medio e é posible recibir a Compostela sen gañar o Xubileo.
Indulxencia e facultades
Grazas xubilares
Indulxencia plenaria
Pódese lucrar unha vez ao día (aplicable aos defuntos), con estas condicións:
- Visitar a Catedral recitando algunha oración, v. gr. o Pai noso e o Credo, rezando polas intencións do Romano Pontífice.
- Recibir os sacramentos da confesión (pode ser 15 días antes ou despois) e a sagrada comuñón.
Facultades para confesores
- Confesar na Catedral, nas parroquias da Cidade e no Monte do Gozo, todos os sacerdotes con licenza para confesar.
- Absolver de “censuras” agás as reservadas á Santa Sé (v. CIC c 1367, 1370, 1378, 1382 e 1383) pero coas facultades que outorgan os cc 976 e 1357.
- Conmutar e dispensar de votos nas condicións establecidas pola Igrexa.
Ven gañar o Xubileo
Peregrina ata a Tumba do Apóstolo e vive o Ano Santo 2027. Axudámoste a preparar a túa chegada a Santiago e a participar nas celebracións da Catedral.
