Ritos do peregrino

Inicio   |   Peregrinación   |   Ritos do peregrino

Ao chegar a Santiago

A meta do Camiño

Sete pasos para vivir a chegada á Catedral: desde a praza do Obradoiro ata a Tumba do Apóstolo, e de alí á nova vida que comeza.

Abrazo ao Apóstolo e veneración do sepulcro

Todos os días, de 8:30 a 21:00 h

O acceso péchase durante a Misa do Peregrino. Entra pola porta da Acibechería e sae pola dos Abades, na Quintana. Consulta os horarios actualizados na web da Catedral.

Paso a paso

Os ritos do peregrino

01

A chegada ao Obradoiro

Rodea o templo ata a fachada principal, a do Obradoiro. Mira a súa grandiosidade: por fin estás aquí, onde soñaches. Fai o signo da Cruz, comeza a ascender as escaleiras, sen présas: é a meta, é o momento de gozar cada paso que deas.

Que alegría cando me dixeron: imos á casa do Señor! Xa están pisando os nosos pés os teus umbrais, Xerusalén.

02

O Pórtico da Gloria

Ao entrar no templo, recíbete esta magnífica obra do románico que representa a Historia da Salvación. Á esquerda, o desexo da vinda de Cristo, simbolizado por catro profetas do Antigo Testamento. Á dereita, o anuncio de Cristo por catro Apóstolos; é o Novo Testamento. No medio está o Señor, arrodeado da súa gloria. El é o templo, o mediador entre Deus e os homes, o sacerdote. El sostén a porta, El pónnos en comunicación coa vida divina, por El entramos na verdadeira vida a través da fe.

Na columna central, o parteluz, Santiago, o Apóstolo, o enviado de Cristo que nos transmitiu esa fe. Entra pola fe, pola porta, que é Cristo, dicindo: “Creo nun só Deus…”

03

O abrazo ao Apóstolo

A vista lévanos ao Altar Maior, que arrodeamos polo lado dereito para subir a dar un abrazo á imaxe do Apóstolo que preside o templo.

Grazas, amigo Santiago, irmán Santiago, por axudarme a chegar ata aquí! Grazas pola túa persoa, pola túa compañía, polo teu testemuño, polo teu legado!

04

O sepulcro de Santiago

Baixo o altar está a cripta, a verdadeira meta do Camiño: os muros da antiga tumba e no medio a urna que contén os restos do Apóstolo.

E estás aquí, Santiago, neste extremo do mundo. Ata aquí chegaches para anunciarnos a Cristo, e aquí permaneces para alentar as nosas buscas e a nosa fe. Fortalece a miña fe, a miña vida cristiá, que tantas veces parece apagarse. Ti o forte, ti o intrépido, ti o Fillo do Trono.

05

O sacramento da reconciliación

Verás confesionarios repartidos por todo o templo e confesores en diferentes idiomas. No Camiño descubriches as túas feridas, as túas infidelidades, os teus pecados. No sacramento da Penitencia pós a túa vida e o teu pecado nas mans amorosas e sandadoras de Cristo, para que El renove a túa existencia.

Misericordia, Deus meu, pola túa bondade, pola túa inmensa compaixón borra a miña culpa. Oh Deus, crea en min un corazón puro, renóvame por dentro con espírito firme.

06

A Misa do Peregrino

Peregrinos de tantos lugares, de tantos idiomas, reunímonos arredor da túa Mesa, Señor, da túa Eucaristía. Para sentarnos xunto a ti como tantas tardes se sentou Santiago, para estar contigo, para escoitarte, para aprender de ti, para que nos alimentes e fortalezas coa túa propia vida, co teu propio Corpo.

07

Iniciando o camiño da vida

Cando remates, sae da Catedral pola porta Sur, a Porta das Praterías. Fíxate na fachada. No parteluz, entre os arcos das dúas portas, hai un Crismón, símbolo de Cristo. Pero as letras están ao revés: o Alfa converteuse en Omega, e viceversa. O fin faise principio. A meta do Camiño é agora o comezo doutro camiño, da nova vida que comezas.

Documentos do peregrino

Acreditacións

A Compostela

O certificado tradicional da peregrinación, que se expide na Oficina do Peregrino.

A credencial

O «pasaporte» do peregrino, que se vai selando ao longo do Camiño.

O certificado de distancia

Acredita os quilómetros percorridos e o punto de inicio da peregrinación.

Oficina do Peregrino

Alí estámpase o último selo na túa credencial e expídese a Compostela. Consulta o seu enderezo, horarios e como recoller o teu certificado.

Scroll ao inicio