O arcebispo de Compostela, monseñor Julian Barrio Barrio inaugurou este luns unha nova edición do Encontro de sacerdotes, relixiosos e relixiosas do Camiño de Santiago. Tras a apertura da reunión por parte do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez López, o arcebispo pronunciou unha lección inaugural, titulada En camiño cara ao Ano Santo 2021, na que aludiu á dimensión esencialmente relixiosa e espiritual da próxima cita xacobea.

“As celebracións dos Anos Santos Composteláns”, dixo, “tiveron  unha connotación espiritual e pastoral ademais da cultural nas circunstancias do momento eclesial en que se celebra. O Ano Santo é un acontecemento de graza para a axuda da realización integral da persoa cunha antropoloxía dinámica e dinamizadora e se contextualiza na realidade socio-cultural-relixiosa na que a persoa se está movendo”.

Na súa intervención, monseñor Barrio non eludiu indicar as dificultades que este reto espiritual implica na actual cultura. “Non se nos oculta”, sinalou, “a crecente deformación ética nas nosas sociedades, consecuencia do enfraquecemento do sentido do pecado persoal e social, así como dun progresivo aumento do relativismo que se expresa na mundanidad espiritual que idolatra o diñeiro, debilita os vínculos entre as persoas e desnaturaliza os vínculos familiares”.

Pero manifestou que “a santidade dunha persoa mídese coa súa caridade e pola dimensión social da fe. Precisamente convócase o Ano Santo para cambiar as actitudes das persoas conforme ao plan de Deus, favorecendo o seu espertar relixioso e espiritual como tamén modelar cristianamente as comunidades cristiás. O fortalecemento da esperanza nos bens futuros animará a evangelización da sociedade en consonancia coa rica tradición apostólica. A Iglesia ha de estar atenta a canto se move na sociedade. No actual cambio de época non se debe rehuir o risco de propoñer xuízos sobre a nosa sociedade”.

O arcebispo repasou os últimos anos santos composteláns e explicou que “nos dous últimos Anos Santos deste milenio subliñouse que a graza do Espírito Santo é o principio e o fin da vida peregrinante cristiá na fe e na esperanza. Queda como tarefa do próximo Ano Santo 2021 o proclamar que o peregrino cristián pola fe e a esperanza está inmerso na unión do Pai, o Fillo e o Espírito e así é levado á súa plena consumación”.

Seguir a Cristo      

Monseñor Barrio, tras falar sobre as claves coas que o peregrino ha de interpretar a sinfonía do camiño, cifrou no seguimento da persoa de Cristo o verdadeiro sentido da peregrinación: “Unha verdadeira transformación das mentalidades e actitudes da Igrexa na pureza doctrinal deixa paso a un seguimento de Jesús. O home, ser-en-o-tempo, ha de ir facéndose sucesivamente. Ao ser humano correspóndelle a condición de peregrino: é homo viator. Grazas á resposta de Jesús a Tomás, o cristián peregrino coñece o camiño: “Eu son o camiño, a verdade e a vida. Ninguén vai ao Pai se non é por min” (Jn 14,3-6). Cristo converteuse no noso camiño, porque se fixo home, semellante a nós, porque El mesmo percorreu o noso camiño. Cristo e o camiño non poden separarse. O propio Jesús é o peregrino, que percorre o camiño ao noso lado, guíanos, ilumina o noso camiño, porque El é a verdade e déixanos a súa vida, que mediante a Resurrección é eterna e imperecedoira. O camiño non é ningún tipo de ditame para conducir a nosa vida, senón unha persoa”.

Convidados

Ao encontro deste ano foi convidado o sacerdote rioxano Don Jesús Merino Morga, cóengo da Catedral de Santo Domingo da Calzada. Merino falará sobre como acoller na parroquia, poñendo como exemplo o labor que desempeñan na Sé calceatense na que precisamente este ano celebran o xubileu polo milenario do nacemento do santo.

Na segundo xornada  exporase unha mesa redonda na que o Irmán Federico Albini (OFMCap) de León, Sor Aurora (F.d.C.)  de Carrión de los Condes, a Irmá Pilinchi Romero (R.S.C.J.) de Santiago de Compostela e  o Pai Daniel Fernández (S.M.) de Sahagún expoñerán nun panel as súas experiencias de acollida aos peregrinos dentro das súas comunidades.