Con motivo do Ano Santo Compostelán son numerosas as publicacións que se están editando para axudar a aquelas persoas ou grupos que desexan peregrinar con sentido cristián ata a tumba do Apóstolo Santiago. A Vigairía de Ensino da Arquidiocese, por exemplo, preparou un cartafol que contén 11 unidades didácticas agrupadas baixo o título “Temas de Reflexión Cristiá”.

ACC en colaboración coa Delegación Diocesana de Liturxia editou así mesmo un directorio que pretende ser de axuda para a preparación da peregrinación en comunidades cristiás. Así se presentan tres meditacións que poden facerse como preparación antes de facer o Camiño ou sinxelamente visitar a Catedral para obter as indulxencias do xubileu compostelán. O primeiro tema a tratar é “A vida como peregrinación”, seguido de “Peregrinar ao sepulcro do Apóstolo” para en último lugar reflexionar acerca de “A peregrinación e o Xubileu Compostelán”.

Esta pequena publicación contén ademais varios recursos para celebracións litúrxicas: a celebración comunitaria da Penitencia, diversos formularios para a celebración da Santa Misa en relación coa peregrinación, e un modelo para realizar a Bendición do peregrino.

Este material pódese obter contactando coa Fundación Acollida Cristiá nos Camiños de Santiago mediante o correo electrónico info@acogidacristianaenelcamino.es ou o teléfono 981 568 846.