Peregrinación da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago ao Sepulcro do Apóstolo

O presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País da cidade de Santiago de Compostela, Francisco Loimil Garrido, fixo hoxe sábado na Misa do Peregrino unha invocación ao Apóstolo Santiago, na que indicou que “vimos con ilusión diante túa para que, coa túa poderosa intercesión, despois dos 237 anos de existencia da única Real Sociedade Económica de Galicia, podamos seguir desenvolvendo con eficacia o noso lema constituínte de “Socorrer ensinando”, que é o símbolo do compromiso coa sociedade á que pertencemos”. Os socios desta organización peregrinaran ao sepulcro do Apóstolo.

A celebración eucarística estivo presidida polo vigairo xeral da Arquidiocese e cóengo do Cabildo Catedral, Víctor Maroño, quen respondeu á invocación do presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País.

Fixo a lectura na Eucaristía Fernando Barros Fornos, ecónomo diocesano e secretario da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago

O texto da invocación é o seguinte:

Señor Santiago.

Comparecemos diante túa os socios da real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago de Compostela, solicitando a túa protección.

Somos os herdeiros das obrigacións que asumiron os nosos fundadores hai 237 anos e que se materializaron na incorporación de numerosas iniciativas que melloraron a vida dos nosos concidadáns.

Vimos con ilusión diante túa para que, coa túa poderosa intercesión, despois dos 237 anos de existencia da única Real Sociedade Económica de Galicia, podamos seguir desenvolvendo con eficacia o noso lema constituínte de “Socorrer ensinando”, que é o símbolo do compromiso coa sociedade á que pertencemos.

Desde esta Compostela este grupo de socios queremos manifestarche a nosa posición de defensa dunha sociedade honesta e xusta, que nestes momentos de pandemia sanitaria e grave crise económica, non abandonemos aos que sofren e en particular a todos os parados e sobre todo aos nosos mozos sobre os que a secuela do paro segue facendo verdadeiras desfeitas, configurándolles unha vida sen perspectivas de futuro.

Necesitamos, señor Apóstolo de a Paz, vivir en concordia e harmonía entre todos nós, onde o discrepante non se converta nun inimigo e onde os elementos sociais creados para comunicarnos e convivir non se convertan en armas arreboladizas que promovan a división e a separación.

Grazas Señor Santiago.