Onte martes reuníronse nas oficinas da Curia Diocesana os membros da área de pastoral da Comisión Diocesana para a preparación do Ano Santo Compostelán de 2021. O encontro celebrouse baixo a presidencia do bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González.
Tratábase de axustar as datas para a realización de materiais e para o programa nos campos de convocatoria e difusión do ano Santo, de formación e catequese, de celebración, actividades socio-caritativas, mocidade, programa de actividades pastorais para a Diocese, entre outras cuestións.
Tamén se falou sobre a acollida pastoral dos peregrinos, en especial sobre a acollida con discapacidade.
No pasado mes de febreiro celebrouse no Arcebispado de Santiago de Compostela a segunda reunión da Xunta para o Ano Santo 2021, un acto presidido polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, e ao que asistiron o bispo auxiliar, membros do Cabildo da Catedral, así como representantes das delegacións diocesanas, da Archicofradía do Apóstolo Santiago, de congregacións relixiosas e de laicos.
Na súa intervención, monseñor Barrio pediu a todos os asistentes que traballasen para que o Ano Santo do 2021 fose un acontecemento de fonda dimensión “espiritual e pastoral”, convidando os peregrinos a experimentar a vivencia relixiosa que implica e define ao Camiño e a Compostela, unha cidade que non se concibe sen o Apóstolo Santiago.
No aspecto pastoral falouse da conveniencia de elaborar catequese de preparación para uso nas parroquias para celebrar o Ano Santo, así como da oportunidade de ofrecer un curso de voluntariado do Camiño na Escola Diocesana de Axentes de Pastoral. Todos os asistentes coincidiron, tamén, na necesidade de coidar os aspectos litúrxicos, a atención sacramental ao peregrino mediante a Confesión e o culto eucarístico, “para favorecer un auténtico encontro persoal con Xesucristo”.




