O arcebispo de Santiago pide traballar para que o Ano Santo de 2021 sexa un acontecemento “espiritual e pastoral”

  • Nova reunión da Xunta diocesana para a preparación do ano xubilar

Hoxe celebrouse no Arcebispado de Santiago de Compostela a segunda reunión da Xunta para o Ano Santo 2021, un acto presidido polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, e ao que asistiron o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández, membros do Cabildo da Catedral, así como representantes das delegacións diocesanas, da Archicofradía do Apóstolo Santiago, de congregacións relixiosas e de laicos.
Na súa intervención, monseñor Barrio pediu a todos os asistentes que traballasen para que o Ano Santo do 2021 fose un acontecemento de fonda dimensión “espiritual e pastoral”, convidando os peregrinos a experimentar a vivencia relixiosa que implica e define ao Camiño e a Compostela, unha cidade que non se concibe sen o Apóstolo Santiago.
No encontro estudáronse distintas propostas a celebrar na cita do ano 2021, como congresos, encontros interreligiosos, a revalorización de espazos xacobeos, así como a apertura de templos con atención aos peregrinos por parte de persoal voluntario. Estúdase, tamén, o deseño do cartel e a medalla conmemorativa.
No aspecto pastoral falouse da conveniencia de elaborar catequese de preparación para uso nas parroquias para celebrar o Ano Santo, así como da oportunidade de ofrecer un curso de voluntariado do Camiño na Escola Diocesana de Axentes de Pastoral. Todos os asistentes coincidiron, tamén, na necesidade de coidar os aspectos litúrxicos, a atención sacramental ao peregrino mediante a Confesión e o culto eucarístico, “para favorecer un auténtico encontro persoal con Xesucristo”.